Navigation – Plan du site

Situación da lingua galega desde 1963 á actualidade

Situacion de la lenga galèga de 1963 fins à uèi
Francisco Fernández Rei

Résumés

L’usage exclusif du castillan dans l’enseignement jusque dans les années 1980 a contribué à ce que les locuteurs du galicien intériorisent dès leur enfance l’infériorité de leur langue.
La première partie de cet article traite de la revendication du galicien pendant les années 60 et 70 du siècle dernier et analyse le rôle du monde associatif culturel et des partis polítiques, la place du galicien dans les organisations de l’Etat, sa présence dans la musique et dans les publications non politiques, tout comme son entrée dans la liturgie, à l’université ou dans l’enseignement non universitaire.
Dans un deuxième temps, il sera question de la politique linguistique dans le processus d’autonomisation actuel. De 1983 à 2005, il s’agit d’une polítique “de faible intensité” dans la mesure où la normalisation linguístique représentait un thème de moindre importance aux yeux des partis galiciens majoritaires, que ce soit le Parti Populaire ou le Parti Socialiste. Après un gouvernement de Socialistes et Nationalistes de gauche (2005-2009), favorable à la promotion du galicien, avec ses points positifs et négatifs, depuis 2009, le gouvernement du Parti Populaire a commencé à mener une politique de défense de la liberté linguistique face à une imposition supposée du galicien par le gouvernement précédent. C’est la première fois dans le processus d’autonomisation que des mesures contre le processus de normalisation furent adoptées.

Haut de page

Texte intégral

1Antes de centrarme na análise da situación da lingua galega da década de 1960 á actualidade, que é o tema da miña conferencia, quero referirme brevemente á escola como axente impositor das linguas estatais en Galicia, Francia e Sardeña e á vez como axente da infravaloración que os falantes de linguas minorizadas acaban tendo do seu idioma.

Represión e infravaloración da lingua dos “vencidos”

2A Igrexa, os medios de comunicación e, sobre todo, o sistema escolar foron eficaces axentes desgaleguizadores. A distancia lingüística entre galego e castelán non é grande, polo que un escolar galegofalante podía entender o profesor que lle falase en castelán; con todo, a ausencia total do galego no ensino creou un sentimento colectivo de inferioridade do que é bo testemuño o que escribía nas súas memorias o galeguista Ramón Piñeiro (1991, 346) sobre a súa etapa escolar nunha zona rural da provincia de Lugo na década de 1920:

E ao cumprir os 6 anos [meu pai] levoume á escola. Deica entón –deica os 6 anos– a miña lingua única fora o galego, así que o choque máis importante que me produciu a escola foi o cambio de lingua. O escolante, que era de Lugo, falaba en castelán dentro e fóra da escola e falábao con todo o mundo, mesmo que fosen nenos ou vellos, homes ou mulleres, labregos ou cregos. Non facía a menor concesión. Falaba en castelán coa intransixente firmeza de quen cumpre un alto e sagrado deber.

3Manifesta que de neno non tiña dificultade para entender e para falar un castelán elemental, o que era un privilexio; pero a súa expresión espontánea e habitual se manifestaba en galego, polo que o ríxido cambio de lingua lle creaba un sentimento de distancia psicolóxica, á vez que vía que a exclusión da lingua galega polo profesor lle daba a este unha estraña autoridade:

Ademais da autoridade da súa edade, do seu saber e do seu poder, o escolante tiña outra estraña autoridade: a da lingua. A edade, o saber e as facultades propias da súa función dábanlle ao escolante unha superioridade natural dentro do noso mundo infantil. Pero a utilización ríxida dunha lingua distinta da nosa, dunha lingua que excluía a nosa, dáballe unha autoridade estraña, unha autoridade que non era natural, unha autoridade que tiña un significado negativo, xa que en lugar de establecer a superioridade persoal do mestre trataba de establecer a nosa inferioridade colectiva. E non só a nosa inferioridade en canto escolares senón a inferioridade nosa en canto galego-falantes. Mais esa inferioridade englobaba tamén aos nosos pais, aos nosos irmáns e familiares, aos nosos veciños, a todo o que o era o noso mundo propio.

4Nos seminarios relixiosos a represión do uso do galego e o castigo por usalo era a norma. En palabras do profesor e escritor Xabier P. Docampo, no seminario de Lugo un dos símbolos da alienación lingüística era un anel de chumbo e unha elevada multa:

  • 1 Texto dun correo electrónico que recibín o 3 de abril do 2013. Docampo contara esta experiencia en (...)

O asunto foi no seminario de Lugo no curso 1956-57. Existía un anel (dicíase que era de chumbo pero iso non o lembro, pero podía ser porque lembro ter lido por algures que, no tocante aos aneis e outros adornos, tíñase o chumbo por metal indigno) que lle pasabas a aquel a quen cazabas falando galego, que pasaba a ser cazador. Pringaba o que o tiña á noite. O castigo era un peso de multa (un peso do ano 56!) e a min, que me colleron só unha vez, ademais puxéronme de xeonllos na escaleira por onde subiamos aos dormitorios para oprobio público.1

5O sistema escolar francés reprimiu fortemente as linguas minorizadas, tachadas de patois, termo que no século XVIII a Encyclopédie consagrou como designante discriminatorio para as linguas e dialectos diferentes do francés e que se empregou para estigmatizar todo o que non era a lingua nacional. A finais do século XIX, coa instauración da escola gratuíta, obrigatoria e laica, en Francia vaise poder aplicar a política lingüística dos revolucionarios e buscar a unificación lingüística coa substitución dos patois polo francés, única lingua da escola francesa, como o era o castelán na española.

6A adquisición do francés era necesaria para a promoción social, sobre todo no eido da administración; e na escola o signum, un obxecto que se lle daba a quen falase una lingua ou dialecto rexional, contribuíu á alienación lingüística, que despois continuou co cambio de poboacións ás cidades afrancesadas e coas dúas guerras mundiais nas que o francés foi lingua constante de comunicación no exército. En Córsega, onde a resistencia cultural parece máis forte, a transmisión do corso como lingua inicial cada vez é más rara, polo que se reivindica que a escola supla a falta de transmisión familiar (Fernández Rei 2007, 495).

7O filósofo e político sardo Antonio Gramsci, nunha carta desde a cadea (25 de xaneiro do 1936) ó seu fillo Iulik, falaba da situación lingüística cando era escolar. El sabía italiano, o que lle daba unha gran vantaxe na escola sobre a maioría dos seus compañeiros, sardófonos que chapurrreaban o italiano:

Ma il sistema di scuola che io ho seguito era molto arretrato; inoltre la quasi totalità dei miei condiscepoli non sapeva parlare l’italiano che molto male e stentatamente e ciò mi metteva in condizioni di superiorità, perché il maestro doveva tener conto della media degli allievi e il saper parlare correntemente l’italiano era già una circostanza che facilitava molte cose (la scuola era in un paese rurale e la grande maggioranza degli allievi era di origine contadina). (Gramsci 1996, 774)

8Sobre o ensino en italiano a nenos sardófonos que descoñecían esa lingua, Gramsci comentáballe a seu irmán Carlo, en carta de 31 de decembro do 1928, a suposta superioridade que nas escolas rurais había entre os nenos que habitualmente falaban a lingua estatal, que parecían superiores (e máis intelixentes) cós nenos sardófonos, escolarizados nunha lingua completamente nova:

Nelle scuole sarde di villaggio avviene che una bambina, o un bambino, che in casa è stato abituato a parlare l’italiano (anche se poco e male), per questo fatto si trova ad essere superiore ai suoi condiscepoli, che conoscono solo il sardo e quindi imparano a leggere e a scrivere, a parlare, a comporre in un[a] lingua completamente nuova. I primi sembra che siano più intelligenti e vispi, mentre qualche volta non è, e perciò in famiglia e a scuola, si trascura di abituarli al lavoro metodico e disciplinato, pensando che con ‘l’intelligenza’ supereranno tutte le difficoltà ecc. (Gramsci 1996, 229-230)

9O poeta e ensaísta sardo Franziscu Masala, no texto en prosa “Fra storia e autobiografia” (1981), introdución do seu libro Poesias in duas limbas (poesie bilingui), describía a orixe da diglosia e do conflito lingüístico que existe en gran parte da poboación de Sardeña e a desfeita da lingua e da cultura sarda polo monolingüismo en italiano. Nado en 1916, falaba da súa experiencia como sardófono nunha escola onde o mestre non deixaba falar sardo e obrigaba a usar o italiano, que os nenos descoñecían, polo que rapaces intelixentes acababan sendo nenos parvos e tristes:

Sono nato in un villaggio di contadini e di pastori, fra Goceano e Logudoro, nella Sardegna settentrionale e, durante la mia infanzia, ho sentito parlare e ho parlato solo in lingua sarda: in prima elementare, il maestro, un uomo severo sempre vestito di nero, ci proibì, a me e ai miei coetanei, di parlare nell’unica lingua che conoscevamo e ci obbligò a parlare in lingua italiana, la ‘lingua della Patria’, ci disse. Fu così che, da vivaci e intelligenti che eravamo, diventammo, tutti, tonti e tristi. (Masala 1993, 9)

10O sardo é a lingua do trigo, da herba e da ovella, pero tamén a lingua dos vencidos, mentres que o italiano é a lingua dos vencedores, do petróleo e do piche, á vez que consideraba que en Sardeña os únicos “italianos” son os “intelectuais”, que falan en “italiano” pero que comen en “sardo”:

In realtà, la lingua sarda è il linguaggio del grano, dell’erba e della pecora ma è, anche, la lingua dei vinti: nelle scuole, invece, viene imposta la lingua dei vincitori, chiamiamola pure il linguaggio del petrolio e del catrame, cioè la lingua della borghesia italiana del Nord, che ha concluso il Risorgimento colonizzando industrialmente il Sud ma convincendoci di aver unificato la Patria. È proprio vero che, in Sardegna, gli unici ‘italiani’ sono gli ‘intellettuali’, che parlano in ‘italiano’ ma mangiano in ‘sardo’. (Masala 1993, 9)

A reivindicación da lingua galega nas décadas de 1960 e 19702

  • 2 Neste apartado sigo o redactado en Fernández Rei (2005) e (2015, 332-337). Sobre a situación social (...)

11No franquismo o idioma galego viviu unha situación de anormalidade social, falado por unha gran parte da poboación de xeito informal, mentres unha minoría trataba de dignificalo socialmente e de facelo visible. No plano sociocultural ten un especial simbolismo o 25 de xullo do 1950, día en que uns intelectuais galeguistas fundaron a Editorial Galaxia, co fin de entroncaren coa tradición literaria e intelectual anterior a 1936. O citado Ramón Piñeiro foi un dos intelectuais máis activos nesa empresa sociocultural.

  • 3 Antecedente da revista é a Colección Grial, publicada tamén pola editorial Galaxia no 1951, que foi (...)

12Simbólica é a data do 17 de maio do 1963, día en que a Real Academia Galega (RAG) institucionalizou o Día das Letras Galegas ó cumprírense cen anos da edición dos Cantares Gallegos de Rosalía de Castro, obra fundacional da moderna literatura galega. O ano 1963 é un annus mirabilis para a lingua e cultura galega, pois nel constitúese a Fundación e Biblioteca Penzol, Galaxia edita o número 1 da 2ª xeira da revista trimestral Grial3 da que actualmente apareceron máis de 200 números, créase Ediciós do Castro-Sada e na Coruña a asociación cultural “O Facho”, en Lugo faise a exposición Cen anos de literatura galega, edítase a monumental Historia da literatura galega de Ricardo Carballo Calero, créanse os Xogos Florais Minerva do colexio compostelán Manuel Peleteiro que deron a coñecer escritores que serían figuras das letras galegas e fúndase o primeiro partido nacionalista da posguerra, o Partido Socialista Galego (PSG); e no 1964 fundaríase a Unión do Pobo Galego (UPG).

Movemento asociativo e reivindicación cultural da lingua galega

13Na década de 1960 o nacionalismo (e a esquerda) fixo visible e tratou de dignificar o galego por medio dunha fronte político-cultural pluralista formada por asociacións culturais que apareceron por toda Galicia. A primeira foi a Agrupación Cultural “O Galo”, creada no 1961 en Santiago de Compostela, que tivera como precedente o grupo literario “Brais Pinto”, que no 1958 fundaran en Madrid estudantes nacionalistas galegos, e o grupo “Mocedade Galega” de Barcelona creado no 1960.

14Xosé Manuel Beiras, a figura política máis relevante do nacionalismo galego dos últimos 60 anos, consideraba que estas asociacións tiñan unha dobre valencia, «a própria dunha frente cultural, inserida no tecido social e coa máxima difusión posíbel nas camadas populares»; e a de «utilizar esas asociacións culturais como tapadeiras ou coberturas dunha acción clandestina máis ou menos organizada» (Fernán-Vello/ Pillado 1989, 147).

15Segundo Carlos García Martínez, cofundador do Museo do Pobo Galego, e Salvador García-Bodaño, cofundador da asociación “O Galo”, a finais da década de 1970, as asociacións culturais estaban nunha «situación aparentemente crítica, xa que moitas delas foron dinamizadas e utilizadas como lóxica canle de expresión política por diversos partidos». As principais liñas da actividade do asociacionismo cultural da posguerra foron: a) contribución á normalización da cultura e do idioma galego, b) contribución á afirmación nacional do pobo, c) difusión cultural a niveis populares, d) denuncia das agresións á cultura e ás liberdades sociopolíticas, e) canle e expresión da oposición á cultura oficial ou a certos aspectos da cultura oficializada (García Martínez / García-Bodaño 1978, 420).

O nacionalismo e a reivindicación política da lingua galega

16Na década de 1970 foi fundamental o papel dos partidos e das organizacións da esquerda nacionalista, particularmente a UPG e as diversas plataformas culturais, sindicais e políticas que este partido creou e dinamizou. En 1965 aparece o nº 1 do voceiro clandestino Terra e Tempo –a primeira revista escrita integramente en galego na posguerra– con dez 10 principios mínimos, dos que o 1º dicía que «Galicia é unha nación, e como tal ten dereito á súa autodeterminación» e o 9º explicitaba a oficialidade e obrigatoriedade da lingua galega («O idioma oficial de Galiza será o Galego, de ensino obrigatorio»).

17Segundo o político e escritor Méndez Ferrín (1977, 44), a irrupción da UPG supuxo un dobre revulsivo por presentar un nacionalismo anovado con contidos de esquerda revolucionaria e por impulsar un activismo político de masas de carácter galeguista, descoñecido dende os anos da República. Isto fíxose evidente despois dos conflitos do encoro de Castrelo de Miño e dos estaleiros de Barreras, no 1966, cando aparece por primeira vez un panfleto en galego, con contido nacionalista, incidindo na clase obreira. No verán de 1968, a UPG convocou unha Concentración Nacional en Compostela para conmemorar o Día da Patria Galega; os panfletos dese chamamento estaban en galego, tanto os da UPG como os da Liga Democrática Galega (LDG), plataforma unitaria que en Vigo agrupaba toda a oposición antifascista, agás o Partido Comunista de España (PCE).

  • 4 Sobre outras publicacións sindicais e políticas relevantes desa década vid. Fernández Rei (1990, 54 (...)

18Algunhas publicacións de organismos dinamizados pola UPG tiveron na década de 1970 unha gran difusión, como Eixo, que chegou a tirar 20.000 exemplares e que era o órgano da Intersindical Nacional Galega (ING), creada en novembro do 1972 despois dos conflitos obreiros de Ferrol e Vigo dese ano4.

A galeguización das organizacións de ámbito estatal

19O feito de que o nacionalismo de esquerdas defendese o dereito á autodeterminación da nación galega e reclamase a oficialización do galego, fixo que as organizacións de ámbito estatal se enfrontasen coa “cuestión nacional” galega. A esquerda estatalista, en xeral, defendía o Estatuto do 1936, que o nacionalismo consideraba superado, e defendía o bilingüismo, con uso escrito de castelán e galego, para logo usar só o galego nos seus textos e nas intervencións públicas dos seus representantes.

20Segundo Méndez Ferrín (1977, 44), a teimuda persistencia da UPG na posición ó rexime de Franco, cando moitos levaban anos dándoa por morta,

foi condicionando a tódolos partidos da esquerda sucursalista até obrigalos a definicións de galeguidade en diferentes degraos, e mais a impólo galego como verdadeira lingua oficial de conspiración antifascista.

21Na década de 1970 a dinámica política marcouna a dicotomía nacionalismo vs españolismo, da que a UPG e o Partido Comunista Galego (PCG) –sección galega do PCE– eran os principais expoñentes, por seren as dúas forzas con maior peso político e incidencia social. A lingua dos panfletos do PCE era o castelán e no programa Dende Ribadeo a Tui, que a emisora Radio Pirenaica dedicaba a Galicia, case non tiña presenza o galego. Segundo Conde Muruais (1978, 447), o comunismo de dependencia estatal mantivo durante moito tempo unha alleante postura, pois dicía que os obreiros non entendían o galego, e menos aínda eran capaces de lelo, cando os obreiros procedían, en gran parte, das zonas rurais e estaban instalados no galego; e engadía este xornalista:

os panfletos de Ferrol, as octavillas de Vigo, os primeiros voceiros que se tiraban ás agachadas en vietnamitas ou multicopistas están, durante moito tempo, redactados en castelán. Trátase dun fenómeno político moi singular no que a esquerda galega, sin se decatar ou conscientemente, colaborou no mantemento da diglosia dun xeito case semellante a como o facía, paralelamente, a burguesía.

22Na axitada primavera compostelá do 1968, que se iniciou meses antes do “maio francés”, o nº 25 do Boletín de los Estudiantes de la Universidad Gallega, en que se analizaba o movemento estudantil, aparecía en castelán e galego. Os dinamizadores desa primavera eran estudantes vencellados co PCE e coa Asociación Democrática de Estudiantes (ADE), creada no 1966 e que dous anos despois se converteu na Asociación Democrática de Estudiantes Galegos (ADEG), onde convivían tendencias nacionalistas de esquerda e cristiáns progresistas, cunha decidida dependencia orgánica do español Frente de Liberación Popular (Méndez Ferrín 1988). Meses despois, a ADEG súmase, tamén cun texto bilingüe, á concentración do 25 de xullo de 1968 en Compostela, convocada pola UPG.

  • 5 O Partido Socialista Obrero Español (PSOE) practicamente non existía en Galicia na década de 1970, (...)

23O PCG comezou a editar en xaneiro do 1969 o seu voceiro A Voz do Pobo. Nun comezo eran páxinas anexas a Mundo Obrero (voceiro do PCE), con escaso uso do galego, que despois se publicaba como xornal á parte e no que só se emprega o galego. O Movimiento Comunista de España (MCE), que nace no 1966 e 1967 como escisión de ETA, en Galicia converteuse en MCG no 1976. O seu voceiro Galicia en loita. Voceiro da organización galega do Movimento Comunista de España, comezou a editarse no 1974 coa mesma información a dobre columna, en castelán e galego, para logo empregarse un ou outro idioma, e a partir do número 11 ser monolingüe en galego5.

A lingua galega na música e nas publicacións apartidarias

24De 1967 a 1971 é a época de Voces Ceibes, que nos seus comezos só tivo o apoio político do PCE (e do PCG) e que se presentaron como grupo nun recital o 26 de abril do 1968 na Facultade de Medicina compostelá. Os Voces Ceibes, en palabras de Freixanes (1978: 520), non sabían cantar, pero recollían as inquedanzas da súa xeración «e, a pesares das eivas técnicas e artísticas, conectaban cun público novo a partires da súa propia linguaxe». Algúns destes cantautores consideraban a música como ferramenta de acción política e axitación social, polo que musicaron e popularizaron a poesía social de autores como Ramón Cabanillas ou Celso Emilio Ferreiro. Este compromiso político provocou multas e prohibicións por temor a que se crease en Galicia un movemento como o da nova cançó dos Países Cataláns. Cando no 1968 actuou en Compostela o cantautor Raimon, unha das figuras da nova cançó, as letras do recital circularan impresas en catalán e en galego.

25Na súa orixe os Voces Ceibes eran un movemento de cantautores, pero tamén de poetas novos e de xentes vencelladas á cultura, que contaron co apoio de membros de xeracións anteriores como Alonso Montero, Costa Clavell, García-Bodaño ou Manuel María. Para neutralizar este movemento reivindicativo dos fillos da pequena burguesía que cantaban en galego, desde Madrid impulsáronse as figuras de Juan Pardo e de Andrés Dobarro. No 1971 a música comercial d’O tren, de Andrés Dobarro, soaba en todas as emisoras de radio de dentro e fóra de Galicia por estar nos primeiros postos das listas musicais. Outras cancións de Andrés Dobarro, con textos de Xavier Alcalá, tamén tiveron éxito neses anos; e o mesmo ocorrería con Juan Pardo, que musicaría no 1976 poemas de Cabanillas, cando a membros de Voces Ceibes si se lles poñían atrancos por cantaren textos deste e doutros poetas.

26Na segunda metade da década de 1970 cómpre salientar o papel do fenómeno musico-cultural do grupo Fuxan os Ventos, con grande aceptación popular polo carácter poético ou reivindicativo das súas cancións e pola música, en boa parte de raigame popular. O cantautor Suso Vaamonde musicou e popularizou as fermosas cantigas para nenos dos Soños na gaiola de Manuel María.

27Nestes anos aparecen as primeiras revistas non clandestinas integramente en galego. De 1975 a 1978 editouse a publicación infantil e xuvenil Vagalume, a primeira revista e cómic para nenos en galego, que se nutría de materiais de escolas que se galeguizaban e que acadou boa difusión e influencia galeguizadora. Entre novembro do 1976 a agosto do 1977 editouse o semanario Teima. Revista galega de información xeral na que colaborei como corrector lingüístico e con artigos sobre a lingua galega; e de maio do 1980 a maio do 1981 apareceu o mensual Man Común. O semanario A Nosa Terra na súa nova etapa comezou a editarse en decembro do 1977.

A igrexa e a entrada da lingua galega na liturxia

28O concilio ecuménico Vaticano II, que no 1962 convocou Xoán XXIII e que clausurou Paulo VI no 1965, permitiu o uso das linguas propias na liturxia no canto do latín; pero en Galicia, cando se aplicaron as normas conciliares, o poder eclesiástico considerou que a lingua vernácula era o castelán, pese á evidencia masiva e popular do emprego do galego naqueles anos. En Cataluña e en Euskadi axiña se asumiu o propio idioma na liturxia, o que en Galicia non ocorrería antes do 1969.

29Nas décadas de 1960 e 1970 o episcopado non se compromete cos grandes problemas de Galicia, agás de xeito illado e individual Miguel Anxo Araújo Iglesias, bispo de Mondoñedo-Ferrol, que tratou o tema do idioma na súa pastoral A fe cristiá ante a cuestión da lingua galega (1975). Monseñor Araújo fora ordenado bispo na catedral de Ourense en setembro do 1970, no primeiro acto de ordenación en que usou o galego nos textos a histórica agrupación coral “De Ruada” de Ourense. No gusto polo galego nas misas e actos deste tipo tiveron moito que ver as agrupacións corais, como ocorría na misa das Capuchinas da Coruña, que celebraba Xosé Morente Torres, que en 1965 traducira os Evanxelios xunto con Manuel Espiña Gamallo.

30Sacerdotes concienciados e galeguizados usan o galego na liturxia no 1969 e tamén en diversas publicacións, como na carpeta Boa Nova, que procuraba unha pastoral incardinada na realidade galega, onde se acabou usando de xeito exclusivo a lingua propia de Galicia. En febreiro do 1977 aparece Encrucillada. Revista galega de pensamento cristián, con Andrés Torres Queiruga como primeiro director e co galego como único idioma. Esta revista bimestral publicouna SEPT, editorial de orixe leiga que no mundo cristián da década de 1970 desempeñou un papel semellante ó da editorial Galaxia no sociocultural. Entre outras iniciativas de SEPT está a tradución da Biblia ó galego.

31Xosé Chao Rego foi o creador e principal impulsor da Romaxe de Crentes Galegos que empezou en setembro do 1978 no pedregal de Irimia, nas fontes do río Miño. Segundo López Muñoz (2003, 7-8), non existe en Europa nada comparable ó movemento popular que representou o fenómeno Irimia:

un movemento de ampla base popular, capaz de reunir anualmente a preto de dez mil persoas arredor dun gran encontro itinerante no que se funde a celebración festiva e a reivindicación socio-política, o rito máis xenuíno dos cristiáns e a solidariedade expresa coas correntes laicas da emancipación humana, a creación dunha simbólica propia e o formato tradicional dunha romaría.

32A asociación civil de carácter cristián-galeguista Irimia comezou a editar en setembro do 1981 a revista semanal Irimia, que pasou a quincenal no 1987.

A lingua galega na Universidade e no ensino non universitario

33A Universidade de Santiago de Compostela implantou no curso 1965-66 a materia de Lingua e Literatura Galega, que se separou en dúas, unha de lingua e outra de literatura moderna, opcionais para estudantes das seccións de Historia e de Románicas, que tamén podían cursar Lingua e Literatura Galaico-Portuguesa Medieval. Ricardo Carballo Calero, que impartía estas materias, no 1972 converteuse no primeiro catedrático de Lingüística e Literatura Galega da USC.

  • 6 Sobre a creación do Instituto da Lingua Galega e sobre a xénese e recepción do volume Gallego 1 vid (...)

34En xullo do 1971 a Universidade compostelá creou oficialmente o Instituto da Lingua Galega (ILG), dirixido ata 1990 por Constantino García, catedrático de Filoloxía Románica. O primeiro fin inmediato do Instituto era «o estudio, a promoción e o cultivo da lingua galega»6. Consonte con isto, o ILG comezou a editar un método de ensino da lingua en tres volumes: Gallego 1 (1971), redactado en castelán, Gallego 2 (1972) e Gallego 3 (1974), xa en galego. Este método foi moi empregado en cursos para aprendizaxe do galego, o que explica as reimpresións e reedicións. En colaboración co Instituto de Ciencias da Educación da USC, desde mediados da década de 1970, o ILG organizou cursos de diferentes niveis de galego para o profesorado de Ensino Xeral Básico, para os que elaborou diverso material didáctico, á vez que colaborou na supervisión lingüística de revistas como Vagalume ou Teima (Fernández Rei 1991).

35Ó abeiro da Lei Xeral de Educación de 1970, que prevía a introdución das chamadas linguas vernáculas no ensino, e consonte coas recomendacións da UNESCO e do Vaticano II, Valentín Arias publicou A lingua galega na escola (1970); e despois editarase o método global de lecto-escritura Picariños (1975), produto final dun método que se experimentara os anos anteriores en varias escolas e que se programaba desde a Asociación de Mestres Católicos da Coruña.

36No 1975 o Goberno español aprobou o Decreto 2929 que permitía no ensino, baixo certas condicións, o uso das “linguas nativas españolas”. Ese ano difundiuse o Manifesto da Universidade de Galicia, que reclamaba unha nova Universidade galeguizada, democrática, popular e científica; e no 1976 espallouse por toda Galicia o Manifesto dos ensinantes de Galicia, elaborado desde o ámbito nacionalista polo sindicato Unión de Traballadores do Ensino de Galicia (UTEG) e dos partidos UPG e PSG, para reclamar un ensino en galego que superase o conflito lingüístico, que se interpretaba coas formulacións do nacionalista galego Francisco Rodríguez Sánchez e do valenciano Rafael Ninyoles (Costa Rico 2004, 1097-1098). Para os redactores do Manifesto era imprescindible superar a situación de conflito lingüístico entre galego e castelán coa total normalización do galego en tódolos eidos da vida social.

37Segundo García Negro (1991, 149-150), o sindicato UTEG, pioneiro na galeguización do ensino, supuxo unha quebra da omnímoda presenza do castelán no sector do ensino, así como da liña bilingüista (versión española ou galega). A práctica deste sindicato nacionalista permitirá, por primeira vez de xeito organizado, a existencia de clases de matemáticas, de historia ou de química en galego, o que era adiantarse considerablemente ás previsións legais sobre a introdución do galego no ensino, que se faría co denominado “Decreto de bilingüismo” do ano 1979.

38En conexión coa UTEG, no 1978 comezou as súas actividades a Asociación Sócio-Pedagóxica Galega (AS-PG), que en novembro do 1980 empezou a editar bimestralmente (e logo anualmente) O ensino. Revista galega de socio-pedagoxía e sociolingüística, á vez que organizaba, entre outros actos, xornadas do ensino. No 1978 o Movemento Cooperativo da Escola Popular Galega comezou a publicación d’As Roladas-2, a primeira revista pedagóxica en galego; e ese ano constituíuse o Sindicato Galego de Traballadores do Ensino (SGTE), despois do fracaso do intento de asentar unha organización sindical unitaria, autónoma e progresista do profesorado galego. No 1979 os sindicatos de ensino CC.OO e FETE-UGT organizan en Vigo a I Escola de Verán (Costa Rico 2004, 1101-1102).

A normalización lingüística na xeira autonómica7

  • 7 Para este apartado parto do redactado en Fernández Rei (2015: 337-341).

39O 21 de decembro do 1980 aprobouse en referendo o Estatuto de Autonomía de Galicia, que o rei Xoán Carlos asinou o 6 de abril do 1981. Con este Estatuto a lingua propia de Galicia pasou a ser cooficial; e mercé, fundamentalmente, á súa presenza no ensino non universitario, á existencia dunha TV autonómica en galego e á incansable resistencia de defensores a prol da lingua, acadou visibilidade e un certo prestixio social para moita xente que a asociaba lingua galega con atraso e pobreza.

40A inexistencia dunha política lingüística digna de tal nome non acabou cos diversos prexuízos sobre o idioma nin se freou a galopante perda de falantes por transmisión xeracional, o que é letal para a supervivencia dun idioma; ademais, o ensino converteuse nun axente desgaleguizador de moitos galegofalantes e o sistema educativo non logrou que todo o alumnado acadase a competencia nas dúas linguas cooficiais de Galicia que establece a Lei de Normalización Lingüística (LNL), que o Parlamento de Galicia aprobou por unanimidade en xuño do 1983.

Política lingüística de “baixa intensidade” (1983-2009)

41Monteagudo (2012, 19) considera que para as forzas políticas maioritarias de Galicia, o Partido Popular e o Partido Socialista, a normalización lingüística foi un asunto relativamente menor. Os dous partidos tiveron «un compromiso tépedo coa normalización lingüística, condicionado a que esta non suscitase gran controversia: o obxectivo era conseguir a normalización sen conflito, e de aí a política lingüística de “baixa intensidade”», tal como a definira Anxo Lorenzo no 2008. Esa política tiña como alicerce a confianza que outorgaban tres fortes factores sociolingüísticos: a relativa fortaleza demográfica do galego, que falaba a maioría da poboación; a proximidade lingüística entre o galego e o castelán, que implica intelixibilidade mutua e facilidade para a aprendizaxe; e a familiaridade co galego e simpatía cara a el de boa parte dos galegos, mesmo das clases medias urbanas.

42No ensino a Lei de Normalización Lingüística desenvolverase co Decreto 135/1983, de 8 de setembro, que á súa vez se desenvolverá coa Orde do 31 de Agosto de 1987, cando gobernaba Alianza Popular, antecesora do Partido Popular. En novembro do 1987, o Goberno español requírelle a Xunta tripartita (PSOE, Coalición Galega, Partido Nacionalista Galego) que modifique esa Orde de 1987, o que fixo que en decembro 1987, a asociación Mesa pola Normalización Lingüística convocase en Compostela a manifestación co lema Aprender en galego non é delito, que ata ese momento fora unha das maiores mobilizacións cívicas en defensa do galego. Despois, en xaneiro do 1988 preséntase un recurso de inconstitucionalidade contra a práctica totalidade da devandita Orde.

43Para García Negro (1991, 346-347) as novidades da Orde de 1987 eran importantes por postergarse o criterio tradicional da língua materna e camiñar cara a unha reintegración paulatina do alunado na lingua galega:

Por vez primeira, nunha disposición normalizadora do galego aparece este como centro e non como escusa de lexislación. Por vez primeira tamén, non se regula senón que se implanta o uso do galego. Este non se vincula aos espazos xa previamente adxudicados (Língua e Literatura galegas) senón a outras matérias e, delas, non unicamente ás humanísticas senón ás científicas e tecnolóxicas. E tamén, até o momento, a única disposición legal que dá unha pauta galeguizadora concreta desde as instáncias oficiais e que está feita cunha mínima atención e sensibilidade ao xa galeguizado polo esforzo individual e organizado no ensino. A única tamén que sitúa a galeguización nos seus protagonistas/destinatários profesorado/alunado, sen patrocinar por lei interferéncias obstaculizadoras da mesma (Consellos escolares, asociacións de pais, órgaos de dirección dos centros...).

44O proceso de normalización do galego avanzou sen grandes sobresaltos, porque na década de 1980 a principal oposición procedía do nacionalista Bloque Nacionalista Galego (BNG), forza política minoritaria, que logo sairía da marxinalidade cunha “viraxe institucional” para se incorporar, con reparos e reviravoltas «ao consenso de fondo en política lingüística, ben que non se trataba exactamente do consenso preexistente, senón que foi parcialmente reformulado», como sinalou Monteagudo (2012, 19-20), para quen esta reformulación se realizou en dúa fases:

primeira, a reforma das normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego, iniciada en 2001 e culminada pola Real Academia Galega en 2003, segunda e máis importante, a elaboración do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, que se iniciou en 2002 e o que lle puxo o ramo o Parlamento de Galicia, novamente por unanimidade (pero agora co concurso do nacionalismo, representado polo BNG), en 2004. Coa aprobación das normas reformadas pretendíase acoutar a polémica normativa; co Plan Xeral de Normalización Lingüística, dar un novo impulso ao proceso de normalización.

45No goberno bipartito de socialistas do PSOE e nacionalistas do BNG (2005-2009) aprobouse o Decreto 124/2007, do 28 de xuño, que regulaba o uso e a promoción do galego no sistema educativo. En principio, este decreto contou co apoio do Partido Popular na oposición, que axiña se puxo na súa contra en nome da liberdade lingüística e da non imposición do galego, o que lles deu ás a persoas e colectivos negacionistas.

46En aplicación do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega (PXNLG), que en setembro do 2004 se aprobara por unanimidade no Parlamento, no anexo dese Decreto do 2007 establecíase que na educación primaria e na secundaria, nos bacharelatos e nos ciclos formativos se garantise «que, como mínimo, o alumnado reciba o 50% da súa docencia en galego» (Medidas 2.1.26-29 do Plan). O goberno non explicou as medidas dese decreto do ensino, o que favoreceu as campañas sobre a imposición lingüística que tanto dano provocaron á causa da lingua.

47Outros avances salientables do goberno bipartito na aplicación do PXNLG foron a creación das Galescolas (rede de escolas infantís), a aprobación da Lei do libro e da lectura e a presenza do libro galego en feiras internacionais, o apoio á difusión da música galega, a posta en marcha de Axencia de Industrias Culturais, a creación dos Premios Nacionais de Cultura e a adopción de medidas para favorecer actitudes positivas para borrar prexuízos sobre o idioma.

Política lingüística desprotectora: liberdade lingüística vs normalización lingüística (2009-)

48A actual Xunta de Galicia, gobernada polo Partido Popular, mantén o compromiso formal co idioma e nunca construíu un discurso para atacalo directamente; con todo, desde que o PP gañou as eleccións en marzo do 2009 iniciou unha calculada deconstrución de avances legais, como foi a eliminación da esixencia dunha proba de galego para acceder a un posto de traballo na administración e a aprobación dun novo decreto para o ensino non universitario que reduciu a presenza do galego no ensino e o eliminou das materias científicas. Por primeira vez na xeira autonómica un goberno galego adopta medidas contra o proceso de normalización, cando a ruptura da transmisión interxeracional do idioma é alarmante.

49Nestes anos foron desaparecendo medios de expresión en galego (impresos e dixitais), e aínda que xurdiron diversos medios dixitais de información, non se dá consolidado un poder mediático favorable, que é vital para prestixiar socialmente o idioma; por outra parte, elites urbanas que ata hai uns anos parecían tolerar os avances sociais do galego –no fondo non vían que fose un perigo para o castelán– agora, arroupadas desde o poder, móstranse abertamente belixerantes e denuncian unha suposta imposición lingüística.

50A desproblematización e a progresiva conversión do galego en lingua de uso natural e normal (normalización) levou os contrarios a este proceso a mancharen a palabra normalización, como se significase agresión a quen non ten o galego como lingua habitual e a ergueren o falso concepto de liberdade, que parecen entender como dereito a non falaren nunca a lingua propia de Galicia.

51A aprobación pola Xunta de Galicia das Bases para a elaboración do decreto de plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia (30 de decembro do 2009) provocou unha enérxica crítica da Real Academia Galega, contida no texto Análise académica das “Bases para a elaboración do decreto de plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia” (16 de xaneiro do 2010); e posteriormente, tamén se faría unha análise crítica no Ditame do Consello da Cultura Galega sobre as “Bases para a elaboración do decreto de plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia” (1 de febreiro do 2010).

52Meses despois, a aprobación do Decreto 79/2010, de 20 de maio, para o plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia provocou a reacción da devandita Academia, da central sindical CIG, da asociación pedagóxica Nova Escola Galega e de colectivos en defensa do galego como a citada Mesa pola Normalización Lingüística ou Queremos Galego, e tamén a dos negacionistas da asociación Galicia Bilingüe, opostos á normalización do galego. Todos eles presentaron recursos contra o Decreto no Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, que ditaminou que é ilegal a consulta vinculante ás familias (artigo 5.2) e tamén que cada alumno se exprese na aula no idioma que prefire (artigo 12.3), eludindo os criterios pedagóxicos.

53A Real Academia Galega presentou un recurso de casación contra o devandito Decreto perante o Tribunal Supremo (4 de marzo do 2103); e cando este recurso foi desestimado, decidiu presentar un recurso de amparo perante o Tribunal Constitucional contra a sentenza do Supremo, entre outros motivos, porque o devandito decreto «da Xunta de Galicia, que di desenvolver a LNLG, en realidade está en aberta contradición con esta, obviando o concepto de normalización e anunciando no preámbulo un cambio do marco legal, pese a que se trata unicamente dunha norma para o desenvolver» e porque o decreto «perpetúa a situación de inferioridade da lingua galega, afondando nos prexuízos contra a mesma, ao excluír taxativamente o seu uso nas materias de contido científico», tal como indicaba a Academia nun comunicado público do 28 de abril do 2015; e cando o Tribunal Constitucional fallou en contra do recurso da Academia, en marzo do 2016 decidiu levar o devandito decreto ó Tribunal Europeo de Dereitos Humanos en nome das familias afectadas pola súa aplicación no sistema escolar.

54Espero que axiña remate a situación xeral de laissez-faire, laissez-passer por parte dos responsables do goberno da Xunta de Galicia, pois a actual deriva leva o idioma galego á marxinalidade. Cómpre vontade política para reafirmar e desenvolver o mencionado Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, aprobado no 2004 por unanimidade do Parlamento de Galicia, actualizando as medidas necesarias; e cómpre esixirmos, con amable intransixencia, que se aplique a legalidade actual, porque moitos queremos que os nosos fillos e os nosos netos poidan hoxe vivir con naturalidade en galego en Galicia, terra onde agromou a lingua galega.

Haut de page

Bibliographie

Conde Muruais Perfecto, 1978, « O outro periodismo. A comunicación clandestina », en durán. José Antonio (dir. e coord.), Galicia. Realidade económica e conflito social, Banco de Bilbao. Servicio de Estudios, 443-455.

Costa Rico Antón, 2004, Historia da educación e da cultura en Galicia (séculos IV-XX). Permanencias e cambios no contexto cultural e educativo europeo, Vigo, Xerais.

Fernández Rei Francisco, 1990, « Nacionalismo e dignificación da lingua galega no período 1972-1980 », A Trabe de Ouro. Revista galega de pensamento crítico 1 (1990), 43-71.

Fernández Rei Francisco, 1991, « O Instituto da Lingua Galega (1971-1990). Contribución á investigación e á normalización do galego », en BREA, Mercedes / Fernández Rei Francisco (coords.), Homenaxe ó Profesor Constantino García, T. I, Santiago de Compostela, Departamento de Filoloxía Galega. Servicio de Publicacións da Universidade, 15-46.

Fernández Rei Francisco, 2005, « A contribución ao proceso de normalización lingüística de partidos políticos, sindicatos, institucións e asociacións que desenvolven o seu labor na cidade da Coruña. I. A reivindicación da lingua galega nas décadas de 1960 e 1970 », en Lingua e cidade. I Xornadas sobre lingua e usos, A Coruña. Servizo de Normalización Lingüística da UDC, 145-159.

Fernández Rei Francisco, 2007, « Plurilingüismo y contacto de lenguas en la Romania europea », en GARGALLO GIL, José Enrique / BASTARDAS, María Reina (coords.), Manual de lingüística románica, Barcelona, Ariel, 477-516.

Fernández Rei Francisco, 2015, « Memoria e lingua galega », A Trabe de Ouro. Publicación galega de pensamento crítico, 103, 325-343.

Fernández Rei Francisco, 2016, « A botadura do Instituto da Lingua Galega », en Cordal Esther / Fidalgo Elvira / Lorenzo Pilar (coords.), Cantares de amigos. Estudos en homenaxe a Mercedes Brea, Santiago de Compostela, Universidade, 383-393.

Fernán-Vello Miguel Anxo / Pillado Mayor, Francisco, 1989, A nación incesante. Conversas con Xosé Manuel Beiras, Santiago de Compostela, Sotelo Blanco.

Freitas Juvino María Pilar, 2008, Represión lingüística en Galiza no século XX, Aproximación cualitativa á situación sociolingüística de Galiza, Vigo, Xerais.

Freixanes Víctor F., 1978, « O cine e o disco. Os seus medios de produción », en durán. José Antonio (dir. e coord.), Galicia. Realidade económica e conflito social, Banco de Bilbao. Servicio de Estudios, 515-531.

García Martínez Carlos / García-Bodaño, Salvador, 1978, « Movemento intelectual e industria da cultura », en durán. José Antonio (dir. e coord.), Galicia. Realidade económica e conflito social, Banco de Bilbao. Servicio de Estudios, 409-428.

García Negro María Pilar, 1991, O galego e as leis. Aproximación sociolingüística, Vilaboa, Edicións do Cumio.

Gramsci Antonio, 1996, Lettere dal carcere. Volume primo 1926-1930. Volume secondo 1931-1937. A cura di Antonio A. Santucci, Palermo, Sellerio.

López Muñoz Daniel, 2003, Conversa con Chao Rego. Dende a Serra de Meira á Guarda mareira, Vigo, Xerais.

Masala Franziscu, 1993, « Fra storia e autobiografía », Poesias in duas limbas (poesie bilingui), Milano, Scheiwiller, 9-15.

Méndez Ferrín Xosé Luís, 1977, « O nacionalismo cara ó futuro », Teima. Revista galega de información xeral 32, 43-45.

Méndez Ferrín Xosé Luís, 1988, « Vinte anos despois », Diario de Galicia (25-07-1988), 39.

Monteagudo Henrique, 2012, Facer país co idioma. Sentido da normalización lingüística, A Coruña, Real Academia Galega.

Piñeiro Ramón, 1991: « Memorias. Da miña acordanza », Grial 111, 341-351.

Villanueva Gesteira María Dolores, 2011, A lingua galega entre 1963 e 1975. Situación social e discursos dende o galeguismo, Pontevedra, Deputación de Pontevedra.

Haut de page

Notes

1 Texto dun correo electrónico que recibín o 3 de abril do 2013. Docampo contara esta experiencia en maio do 2010 en “Lembranzas dun seminarista de 1953 3. A lingua proscrita”. http://www.xabier-docampo.gal/blog/29_blog.php?entry_id=1273347017&title=lembranzas-dun-seminarista-de-1956-------3.-a-lingua-proscrita

2 Neste apartado sigo o redactado en Fernández Rei (2005) e (2015, 332-337). Sobre a situación social da lingua galega entre 1963 e 1975 vid. Villanueva Gesteira (2011) e para a represión e minusvaloración do galego no período 1960-1983 vid. Freitas Juvino (2008, 416-586).

3 Antecedente da revista é a Colección Grial, publicada tamén pola editorial Galaxia no 1951, que foi pechada pola censura franquista despois da publicación de catro números.

4 Sobre outras publicacións sindicais e políticas relevantes desa década vid. Fernández Rei (1990, 54-55).

5 O Partido Socialista Obrero Español (PSOE) practicamente non existía en Galicia na década de 1970, polo que a súa contribución á restauración do uso do galego é moi escasa. O PSOE renovado en Suresnes no 1974, que en Galicia pasou a ser Federación Socialista Galega (FSG) tiña moi escasa presenza; pero no 1978 intégrase nese partido o Colectivo Socialista Galego, formado por nacionalistas escindidos do PSG, que impulsaron o xornal mensual O Socialista Galego, integramente en galego, do que só se editaron tres números a finais do 1978.

6 Sobre a creación do Instituto da Lingua Galega e sobre a xénese e recepción do volume Gallego 1 vid. Fernández Rei (2016).

7 Para este apartado parto do redactado en Fernández Rei (2015: 337-341).

Haut de page

Pour citer cet article

Référence électronique

Francisco Fernández Rei, « Situación da lingua galega desde 1963 á actualidade », Lengas [En ligne], 79 | 2016, mis en ligne le 02 février 2017, consulté le 23 octobre 2017. URL : http://lengas.revues.org/1030  ; DOI : 10.4000/lengas.1030

Haut de page

Auteur

Francisco Fernández Rei

Instituto da Lingua Galega, Universidade de Santiago de Compostela

Haut de page
  • Logo Presses universitaires de la Méditerranée
  • Revues.org